
O libro Centauros do Norte de Marcos Calveiro gañou a VIII edición do Premio Raíña Lupa de literatura xuvenil. A través do seu blog, o escritor definiu esta obra como a súa "a miña particular homenaxe ao cine e a todas as horas da miña infancia que pasei diante dun TV en branco e negro vendo un western tras outro".
Centauros do Norte está protagonizado por un adolescente de 17 anos que vive unha serie de aventuras iniciáticas en México, en plena revolución de Pancho Villa. Entre os 34 textos presentados a concurso, o xurado acordou premiar por unanimidade a narración de Calveiro pola "boa estrutura" da súa obra, así como a súa capacidade para crear personaxes, manténdose sempre "á marxe" de calquera posicionamento valorativo sobre a revolución mexicana. Coordinado por Xabier P. Docampo, o xurado estivo integrado polo editor Alfonso García Sanmartín, a escritora e secretaria xeral da AELG, Mercedes Queixas, a directora do Servizo de Bibliotecas do Concello da Coruña, Elena Pernas, o gañador da anterior edición do premio, Carlos López, e a crítica Isabel Soto.
O Raíña Lupa está convocado pola Deputación da Coruña e premia ao gañador con 6.500 euros e a edición da obra. Marcos Calveiro (Vilagarcía, 1968) suma un novo recoñecemento á súa obra literaria logo de ter acadado o Ala Delta, Barco de Vapor ou Lazarillo, consolidándose como un dos autores imprescindibles da nosa literatura infantil-xuvenil.
