31.12.08

Premio Estornela 2008

Ás veces, cando decidimos agardar polo momento idóneo para facer algo, o destino alíase na nosa contra e o tempo acaba por devorar os nosos plans. Cando recibimos a nova de que o premio Estornela recaera este ano en Bernardino Graña, pensamos en homenaxealo cando se lle entregase o galardón, mais fomos vítimas dunha brincadeira e, ao rematar o ano, enterámonos de que xa é pasado.

Paremos por un instante o tempo e volvamos atrás. Xoguemos co azar. Imaxinemos...
Hoxe, 14 de decembro de 2008, na fundación Xosé Neira Vilas, foille entregado o premio Estornela a Bernardino Graña pola obra titulada Larpancia saborosa do lobo e a raposa. Trátase dunha fábula versificada, unha farsa nun lance, un mundo de contrastes, un xogo coa realidade.


Dixo o autor que hai que traballar para que haxa cada vez máis esperanza de mudar o mundo e facelo mellor, e que unha das mellores maneiras de facelo é que queiramos seguir sendo nenos. Coincide, en certa maneira coa opinión de Nietzsche de que a infancia é, esencialmente, o obxectivo, a derradeira transformación do home na súa evolución, no seu intento por superar a autosuficiencia e vivir libre de prexuízos. En que, sabio só é aquel que foi quen de deixar atrás a falsa seriedade da existencia para, no camiño, descubrir o gran secreto, o dogma: o Ser é un neno que xoga... E o xogo, como todas as actividades creadoras, non precisa de escusas, de metas nin sequera de regras. Só cómpre a súa existencia, ese máxico enredo de contradicións (realidade vs. ficción) no que se pode avanzar ou retroceder, recordar ou esquecer, gañar ou perder,… e no que temos a obriga de habitar mentres os pequenos busquen estrelas fugaces nos andeis, mentres os rapaces procuren fantasías de papel, mentres os adultos esperemos que o espello nos devolva o neno que nos habita -malia ao fío argumental das nosas vidas-, mentres o tempo siga sendo mentira.

Volvemos, reconciliados co fado, ao 31 de decembro. Obxectivo cumprido. Parabéns ao premiado e a tod@s vós... os nosos mellores desexos para o novo ano.

16.12.08

Arte de libro


Kiko da Silva cumpre dez anos como ilustrador de contos infantís, e celébrao cunha exposición -"Arte de Libro"- na que recolle unha escolma das súas mellores obras dende o ano 1998. Foron dez anos nos que se produciron importantes cambios no universo da ilustración, e mais naquela na que os destinatarios últimos son os nenos. Unha década de evolución recollida en 32 obxectos que teñen vida propia e que, en sincronía co texto ou a contratempo, constrúen unha parte da historia e das nosas propias historias.

As cores, as formas, os lenzos enchen de sensacións a paisaxe do baleiro. Aparencia e realidade mestúranse para dar paso a sentimentos esquecidos que, tralas cubertas dos libros, nos permiten edificar horizontes inesperados, soños aos que abeirarnos cando a certeza nos afoga, proxeccións mediadoras que nos axudan a entender o mundo, aos demais e a nós mesmos. Pero que, ao tempo, responden á vontade dunha persoa, á súa particular forma de entender as cousas, á representación dos seus pensamentos, á súa liberdade....Entón, u-la inocuidade da linguaxe artística para o público infantil? A visita a unha mostra destas características non é un acto tan inocente como poida parecer a priori... ou se cadra si. Tras cada creación agóchanse imaxes dunha vida ou a (nosa) vida en imaxes que podemos ver pasar, recordar, revivir ou simplemente visitar até o 23 de xaneiro do ano que entra na sala Chroma de Vigo.

10.12.08

Educación e Paz

Durante o ano 2008 celébrase o 25 aniversario de Educadores pola Paz. Para conmemorar esta efeméride, Xesús R. Jares, desaparecido o pasado mes de setembro, impulsou a publicación da triloxía Educación e Paz, un proxecto deseñado en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, no que se recollen as achegas dos homes e mulleres que, ao longo destes anos, veñen traballando arredor dos obxectivos que se marcou o grupo, e que tratan de achegalos aos lugares dende os que se poden espallar con máis forza.


Literatura galega pola Paz
, o libro que completa a serie, recolle textos narrativos e poéticos de autores e autoras galegos inspirados na cultura da paz. Textos nos que participan quince narradores e catorce poetas, aos que se engaden os creados polos membros do Obradoiro de Lingua Gianni Rodari, vencellados ao movemento.

Os dereitos de autor xerados destinaranse a Amnistía Internacional-España e a Greenpeace-España.






Algunhas palabras teñen o poder -case máxico- de crear ideas, conceptos, chaves que abren as portas do pensamento. Mais, a pesar das palabras, o pensamento semella progresar só cando camiña entre inxustizas, entre desacordos, cando se precipita ao baleiro dos antípodas, cando a realidade nos fire coa evidencia de que a evolución nos conduciu a un conformismo endémico no que ampararnos dos nosos propios medos. O perigoso das palabras é cando ao pronuncialas só escoitamos silencio. Cando, de tanto repetilas, perderon o significado ou se converteron en símbolos estereotipados. Hoxe, que conmemoramos o 60 aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos, berremos, sen medo á incertidume que xera o compromiso mesmo da vocalización, verbas que sexan ao tempo obrigas e desexos: liberdade, dignidade, igualdade, democracia, xustiza lei...

Afortunadamente a nós quédanos o exemplo de Suso Jares e con el a certeza de que a súa aposta -aínda latexante- nos converte, a todos os que confiamos no seu traballo, en mellores persoas.

2.12.08

O porco de pé



Cúmprense oitenta anos da primeira edición de O porco de pé (Nós, 1928), unhas das obras que marcou a nova narrativa galega, e para conmemoralo, a Fundación Vicente Risco está a celebrar en Ourense un Simposio no que o obxectivo é achegar esta sátira ao público máis novo.

Ao longo destes días presentaranse tres novas edicións da obra: unha facsimilar, editada por Galaxia cunha tiraxe limitada de 999 exemplares -só a disposición dos participantes e das bibliotecas do país-, outra que estará á venda a principios de ano e que debulla as claves da obra e do autor, e unha unidade didáctica que se lles enviará a todos os centros educativos de Galiza.

Vicente Risco pretendeu, ao longo de boa parte da súa vida, esmiuzar a alma do galego. O seu compromiso militante
deixábase ver en cada un dos seus escritos, e tentou ceibarse / ceibarnos dos grillóns do pasado apostando pola organización social, pola xente, polo orgullo de sermos galegos e pola universalización do pobo como vía para superar o illamento da nosa cultura.

Risco definiu a Galiza da maneira máis simple e ao tempo máis complexa de cantas existen: Terra e Sentimento... E foron precisamente eses sentimentos encontrados os que marcaron o carácter do seu pensamento e, xa que logo, da súa escrita. Parafraseando ao poeta, se cadra esta obra, con outras, sexan o lado valente dun covarde. Mais agora e sempre, acordámonos e gabamos a ironía, o sarcasmo e a retranca -tan nosos- e celebrámolo recomendando unha lectura que de seguro nos axudará a comprender que, ás veces, as cousas cambian para que non cambie nada.

Na postguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita. Don Celidonio é gordo e artrítico... Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escacharan a testa, que tiña que ser con paoferro e picaraña, en lugar dunha sesada habían atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro que por afora: carne e espírito son a mesma zorza, mesturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pementa.[...]