
O pasado mes abril
Agustín Fernández Paz foi o galardoado co
Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2007 ,na categoría de Libro infanto-xuvenil.
A obra premiada de Fernández Paz O único que queda é o amor, xa recibira o premio Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2007.
Tamén foron premiados polos asociados da AELG Justo Beramendi, na categoría de Ensaio De provincia a nación. Historia do galeguismo político, Xosé Luís Méndez Ferrín (Mellor traxectoria xornalística), Iolanda Vilarchao (Tradución), Miguel Anxo Murado (Narrativa), Marica Campo (Poesía) e Millán Picouto (Teatro).
Deixámosvos a reseña sobre a obra premiada
Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.