6/11/09

ROSA ANEIROS E JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO, GAÑADORES DOS PREMIOS XERAIS 2009


Os dous premios para lectores novos que cada ano convoca Edicións Xerais resultaron nesta edición do 2009 especialmente interesantes. O reencontro coa narrativa xuvenil de Rosa Aneiros -autora xa consolidada e cunha importante proxección na literatura para adultos- e a novidade da irrupción como escritor de Jacobo Fernández Serrano -recoñecido ilustrador e tan orixinal como consolidado autor de cómics- garanten a calidade dos veteranos galardóns. A obra de Rosa Aneiros, Ás de bolboreta, unha novela-puzle construída con historias que se entrecruzan a partir das experiencias dun grupo de personaxes que as van contando unha mañá nun bar galego, na que a intervención do lector devén decisiva, mereceu o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil. O Premio Merlín de Literatura Infantil foi para Mil cousas poden pasar, de Jacobo Fernández Serrano, un relato de aventuras e enredo que parte da necesidade de atopar un agasallo para o rei do mar.
Ademais, Rosa Aneiros conseguiu tamén o Premio Xerais de Novela por Sol de inverno, un dobrete sen precedentes na nosa literatura.
Ben seguro que cando nos vindeiros meses poidamos recrearnos na súa lectura non nos defraudarán. Parabéns a Rosa Aneiros e Jacobo Fernández Serrano, e a Edicións Xerais polo seu decisivo labor normalizador da nosa cultura!

5/4/09

Premios Lazarillo 2009


Un ano máis, a OEPLI e as seccións que a integran (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil-GÁLIX, Consejo General del Libro Infantil y Juvenil, Consell Catalá del Llibre Infantil i Juvenil-ClijCAT e Galtzagorri Elkartea) convocan os prestixiosos Premios Lazarillo. Nesta edición de 2009 contémplanse dúas modalidades: creación literaria e álbum infantil ilustrado. Cunha dotación de 8.000 euros para o gañador, pódense presentar textos escritos en calquera das linguas oficiais do Estado. A obra que opte ao premio de creación literaria terá un mínimo de 80 páxinas (de 2.100 caracteres cada unha), no caso de narrativa e teatro, e un mínimo de 250 versos, se é poesía. Para o premio de álbum infantil ilustrado cómpre incluír a maqueta completa do proxecto, incorporando texto e ilustración. Se ben neste último o prazo remata 15 de setembro, o premio de literatura ten como data límite o 30 de maio.
As bases completas (Premio Lazarillo de Creación Literaria e o Premio Lazarillo de Álbum Infantil Ilustrado) pódense consultar tamén na web de Gálix.

4/14/09

GALIX CLUB DE LECTURA MULTICULTURALIDADE E MINORÍAS,


Bos días a todas e todos:

Un mes máis poñémonos en contacto convosco para enviarvos información das actividades que estamos a realizar no noso CLUB DE LECTURA GALIX TENDENDO REDES que terán lugar mañá día 15 de abril e pasadomañá día 16 de abril na BIBLIOTECA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA tendo como temática MULTICULTURALIDADE E MINORÍAS.

O día 15 faremos un repaso ás obras da LIX galega que tratan esta temática, así como a outras obras de gran calidade e interese dentro das literaturas peninsulares, -a partir da escolla que nos fará a nosa colaboradora a profesora e crítica Mayte Leis.
Tamén trataremos de poñernos na pel daqueles que se ven obrigados a atravesar fronteiras deixando a súa cultura atrás, reflexionando sobre o concepto de O OUTRO, dende unha mirada posmoderna e reconcialiadora, para finalmente achegarnos á obra dun dos autores máis comprometidos co terceiro mundo da nosa LIX, Fran Alonso, a quen teremos o gusto de escoitar ao día seguinte, día 16 de abril. FRAN ALONSO falaranos das influencias, experiencias e compromisos que deron lugar á súa obra CARTAS DE AMOR, publicada por Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Fóra de Xogo, e que foi escollida neste roteiro de lecturas xuvenís.

Desexando que te unas á nosa experiencia, que terá lugar na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, de 17.00 a 19.00 horas, os xa mencionados días 15 e 16 de abril de 2009, recibe unha aperta:

Gálix.
CLUB DE LECTURA TENDENDO REDES

3/31/09

2 de abril: Día Internacional do Libro Infantil



Desde 1967, o 2 de abril, día do nacemento de Hans Christian Andersen, celébrase o Día Internacional do Libro Infantil co obxectivo de inspirar o amor pola lectura e para chamar a atención da comunidade internacional sobre os libros para nenos.
Cada ano, unha sección nacional de IBBY (International Board on Books for Young People) encárgase de elixir un tema e de convidar a un autor ou autora sobranceiros do seu país a escribir unha mensaxe para os rapaces e rapazas do mundo e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora o deseño dun cartel, que se espallan por todo o mundo nas diferentes linguas. Este ano, a sección de Exipto encargoulle a imaxe e o texto a Hani D. El-Masri, que se imprimiron en formato cartel e tríptico nas catro linguas estatais para a súa distribución por centros de ensino e bibliotecas.
Ademais, Gálix encargouse da edición de dous libros novos da colección Lagarto Pintado, en colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a Federación de Libreiros de Galicia, que se distribuirán gratuitamente nas librerías do país. Neles colaboraron coas súas creacións Alfonso Álvarez Cáccamo, Ramón Carredano Cobas, Antón Fortes, Teresa González Costa Mar Guerra, Manuel Janeiro, Elvira Riveiro Tobío e Xelís de Toro e coas súas ilustracións Noemí López e Pepe Carreiro. Estes autores e autoras son tamén os protagonistas de encontros con escolares en diferentes centros do país.

3/17/09

A nosa lix na feira de Boloña


Como todos os anos, a feira do libro infantil-xuvenil máis importante do mundo, a Bologna Children's Book Fair 2009, contará cunha presenza destacada da nosa produción editorial. No extraordinario mercado de dereitos, os nosos editores defenderán a calidade das súas producións máis recentes e os autores máis vendidos e traducidos. A Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, seguindo na exemplar aposta pola proxección internacional da nosa cultura, que está tendo éxitos moi relevantes, dará a coñecer no stand institucional a actualidade emerxente da nosa lix. Ademais do Galician Books for Children & Young  Adults 2009, o catálogo de libros do 2008 en galego, inglés e castelán, publicación que a consellería presenta habitualmente na feira, este ano incorpóranse dúas novidades: a promoción da obra de Agustín Fernández Paz, o autor máis premiado e traducido da literatura galega actual, e a edición en inglés dunha antoloxía dos nosos narradores Chronicles of the End of the Earth. Galician Writers of children´s and Young Adult´s Narrative Literature, producida por Gálix e Edicións Xerais e editada pola Xunta de Galicia. Así, sumando esforzos privados e públicos, apostando conxuntamente pola difusión da nosa cultura no mundo como nunca se tiña feito, as nosas empresas, os nosos creadores e creadoras, están abrindo camiños de internacionalización dos que se debe sentir orgullosa toda a sociedade galega. Porque a nosa cultura aínda ten moito que dicir.  Aquí e alá. Hoxe e mañá.

Tres White Ravens galegos


A prestixiosa Internationale Jugendbibliothek München, un dos referentes mundiais na atención ao libro infantil e xuvenil, fixo pública a súa relación de libros seleccionados pola súa especial calidade, a The White Ravens List 2009, que se presentará na Bologna Children's Book Fair 2009. Nesta edición, a biblioteca alemana destaca 250 títulos publicados no 2008 en 32 linguas e pertencentes a 48 países. E unha vez máis, a literatura infantil-xuvenil galega ten unha atención especial, escolléndose tres títulos: a novela xuvenil A Cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, publicado por Xerais, que mereceu o Premio Fundación Caixa Galicia e axiña se poderá ler nas outras linguas do estado; a dramática historia dun neno no campo de concentración de Auschwitz-Birkenau, Fume, de Antón Fortes e OQO; e o libro multimedia de Galaxia esplendidamente ilustrado por Rodrigo Chao no que X. A. Neira Cruz escribe unha adaptación do conto clásico A Cinsenta, O prodixio dos zapatos de cristal. Ademais, o noso ilustrador máis internacional, Xan López Domínguez, figura tamén na lista como autor das ilustracións de Barro de Medellín, unha narración de Alfredo Gómez Cerdá. A lix galega, así, está entre as mellor representadas este ano, con máis libros seleccionados que as literaturas de moitos estados e linguas normalizadas. É outro paso adiante na proxección internacional dos nosos escritores/as e ilustradores/as, cada vez máis recoñecidos e premiados en todo o mundo.

3/3/09

O armiño dorme inaugura Tendendo Redes




O armiño dorme, de Xosé A. Neira Cruz, é a obra seleccionada para inaugurar o club de lectura de Gálix. A partir de mañá, poderedes consultar máis información sobre a obra e sobre o desenvolvemento das sesións no seu propio blog: http://tendendoredes.blogspot.com/